EXAMPLE PAGE - EBOOK - Camino De Inverno - Flipbook - Página 8
Limiar
Por Jose M. Taboada
Presidente do Colexio de Xeógrafos de Galicia
O Camiño de Inverno é unha das mellores rutas para coñecer a paisaxe da Galicia interior. Esta ruta xacobea é a
entrada natural de Galicia dende o Bierzo, por tanto dende a Meseta Central e tradicionalmente empregábase para
evitar as neves do Cebreiro. O itinerario únese coa Vía da
Prata no lugar de A Laxe, concello de Lalín, momento no
que pasa a ser unha soa ruta ata Santiago de Compostela.
O percorrido goza dunha grande riqueza paisaxística que
non deixa indiferentes aos peregrinos e visitantes que a
percorren. A paisaxe do Camiño de Inverno presenta grandes valores naturais (ZEC Ancares-Courel no concello de
Quiroga, ZEC Río Cabe en Monforte de Lemos e Pantón ou
ZEC Serra do Faro en Rodeiro e Chantada); culturais (Castelo-Torre de Novaes en Quiroga, Casco Antigo de Monforte de Lemos, Mosteiro de San Salvador de Asma en Chantada ou o Pazo de Liñares en Lalín) e estéticos (Miradoiro
do Pico Sacro en Boqueixón, Alto de Gundián en Vedra e a
8
Estrada ou Mirador da estrada de Roblido no concello da
Rúa) e que lle permiten competir con outras rutas xacobeas máis consolidadas.
As fotografías de Adolfo Enríquez recollidas neste libro
son, ademais dun reclamo turístico, unha boa ferramenta
para ilustrar e explicar as distintas paisaxes da Galicia interior, así como as súas dinámicas territoriais, tanto naturais
como culturais.
O lector descubrirá as diferencias xeomorfolóxicas da nosa
terra, dende os vales encaixados da Ribeira Sacra con fortes pendentes, ata a depresión tectónica de Lemos, onde
predomina a chaira, pasando polo Deza, con montes e vales con pendentes suaves. Ademais, poderemos ver outros
aspectos do territorio como son os diferentes substratos
xeolóxicos que van dende as lousas de Valdeorras ata os
graníticos do concello de Rodeiro.