EXAMPLE PAGE - EBOOK - Camino De Inverno - Flipbook - Página 17
ro beneditino de San Salvador de Asma, coñecido polo
Convento. Entrando no casco antigo de Chantada destacan na paisaxe urbana un bo número de casas que locen
historiados brasóns nas súas fachadas, dando testemuño
das nobres familias que as habitaron.
A vila está regada polo río Asma, cuxas augas proceden
da serra do Faro. Ata o cume, onde se alza a ermida de
Nosa Señora do Faro, nos leva o Camiño de Inverno. De
orixe románica, foi reconstruída no século XVII para poder
acoller aos milleiros de peregrinos e fieis devotos que ata
aquí se achegaban buscando os favores dunha Virxe tan
milagreira. No século XIII, o trobador Xoán de Requeixo
dedicaba as 5 cantigas de amigo á Nosa Señora de O Faro,
como esta que di:
Fui eu, madr´, en romería
a Faro co meu amigo
e venho d´el namorada
por quanto falou comigo,
ca mi jurou que morria
por mi, tal ben mi quería!
Leda venho da ermida
e d´esta vez leda serei,
ca falei con meu amigo,
que sempre (muito) desejei,
ca mi jurou que morria
por mi; tal ben me quería!
Dentro do amplo abano de paisaxes do Camiño de Inverno,
a do Faro é das máis notables; ademais de formar parte da
Rede Natura dende o ano 2000 é o punto máis visible de
todo o territorio galego, dende onde se poden divisar as
formacións montañosas das catro provincias galegas. Nun
día claro podemos alcanzar a ver outro lugar mítico como
é o Pico Sacro.
O descenso lévanos pola terras de Camba cara Rodeiro, un
territorio regado polas augas do Arnego, que o peregrino
terá que cruzar ata catro veces, a través de pontes e pontellas, algunha de pedra, como a medieval de Pedroso.
Chegados a Lalín éntrase nesta vila a carón da igrexa románica que formou parte dun mosteiro dúplice, xerme do
próspero núcleo que Lalín é na actualidade.
Pouco queda para chegar a Santiago, pero antes teremos
que cruzar outros ríos como o Ulla, que baixa por unha
profunda garganta, formando un enclave de especial interese xeolóxico. Para salvar ese gran desnivel destacan
dúas pontes que impactan no medio desta paisaxe: a antiga ponte de Gandián e o novo viaduto para o paso do tren
de alta velocidade.
Dende aquí pronto alcanzaremos a ver as torres da catedral de Santiago sobresaíndo no medio da paisaxe urbana
de Compostela e dicíndonos: benvidos peregrinos, benvidos a Compostela!
Co noso agradecemento e felicitación a Adolfo Enríquez
por deleitarnos con este fermoso e gran traballo.
17